O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2024 que supoñen un investimento de 3,3M€ para o Concello

avatar_rrss2
BNG

As catorce emendas formuladas céntranse no reforzamento dos servizos públicos, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas

O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2024 que supoñen un investimento de 3,3M€ para o Concello

Gondomar, 4 de decembro de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego formulou un total de catorce emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2024, que, de se aprobar, suporían un investimento total de 3.330.000€ no concello de Gondomar. As emendas presentadas céntranse no reforzamento dos servizos públicos, no medio ambiente e na mellora das infraestruturas e a mobilidade.

O BNG propón investir 1M€ en máis e mellores servizos. Así, para posibilitar unha conciliación da vida familiar e laboral economicamente asumíbel, solicita dotar Gondomar de máis prazas públicas de escola infantil (0-3anos), dun centro de día público para maiores e de servizo de comedor para o alumnado de infantil do CRA Antía Cal. Tamén demandan máis medios e persoal para Centro de Saúde e para o Centro de Información ás Mulleres (CIM), así como melloras infraestruturais e de equipamento nos centros educativos da vila.

No que respecta as infraestruturas e a mobilidade as emendas suman 1,8M€ e inclúen a proposta de ampliación da estación depuradora e da rede de saneamento nas parroquias, actuacións para paliar os efectos das enchentes en Mañufe, a construción de sendas peonís nas estradas Vincios-Couso e Vincios-Nigrán, e a inclusión de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano.

A proposta do BNG para Gondomar tamén inclúe destinar 500.000€ a iniciar un plan de habilitación de vivenda con alugueiros de baixo custe, no camiño de garantir o dereito de acceso á vivenda ás rendas máis baixas e a fixar a poboación xuvenil emancipada no concello.

Aparte das emendas de ámbito estritamente local, o BNG tamén presentou emendas comúns para o conxunto dos tres concellos do Val Miñor por un total de 6,5M€, que supoñen un beneficio colectivo tamén para a veciñanza de Gondomar.

O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2024 que supoñen un investimento de 3,3M€ para o Concello