O BNG RECLAMA DO ALCALDE QUE, DE INMEDIATO, XESTIONE COA XUNTA UNHA SOLUCIÓN TRANSITORIA PARA A EXPEDICIÓN DAS TARXETAS

O Concello de Gondomar deixa de expedir tarxetas provisionais de aparcamento a persoas con movilidade reducida

O Concello de Gondomar deixa de expedir tarxetas provisionais de aparcamento a persoas con movilidade reducida

O BNG de Gondomar ven de recibir unha carta dunha veciña na que relata unha situación que nos deixa perplexas.

Explica os atrancos que está a atopar para renovar a tarxeta de aparcamento para unha persoa con mobilidade reducida, o seu marido. Unha tarxeta provisional da que dispuña desde agosto de 2016 expedida pola Policia Local de Gondomar, que o facía en virtude dunha resolución do Goberno do Concello do ano 2012. Para o que presentou informe dos Servizos Sociais do Concello e do Sergas.

Agora, que a vai renovar por estar caducada, comunícanlle que non lla poden facer; que para poder darlla ten que aportar un informe dun Equipo de Valoración e Orientación (EVO) da Xunta no que indiquen que a reducción da mobilidade da persoa discapacitada xustifica que teña esa tarxeta; que as tarxetas provisionais non son legais.

“- O máis probable que así sexa. Pero entón, non debería ser aínda máis ilegal que esta persoa leve agardando máis dun ano -desde agosto de 2016- pola cita para esa valoración polo EVO correspondente? Non debería ser ilegal que na maioría dos casos o tempo de espera para esa cita sexa dun ano e medio a dous anos? Unha espera da que dependen non só o dereito a ter unha tarxeta de aparcamento, senón todas as axudas á dependencia?”

E este non é un caso único nin no noso concello nin en Galiza. As persoas que teñen un familiar con discapacidade e problemas de mobilidade, sexa por enfermidade ou por accidente, xa teñen bastante con iso. Non precisan de gobernos como o da Xunta do Partido Popular que no canto de facerlle a vida máis levadeira, aínda lla complican máis. Que cos seus recortes e políticas antisociais provocan falta de orzamento, de persoal suficiente, de medios, que provocan colapsos en moitos dos servizos de xestión e atención, retrasos escandalosos, listas de espera desesperantes.

E, desde logo, o que non precisan é toparse coa insensibilidade dalgún funcionario ou do seu propio Alcalde cando van reclamar algo ao que teñen dereito.

Iniciativa parlamentar.

O BNG presentou xa a semana pasada unha iniciativa parlamentar na que se insta ao Goberno galego a poñer en marcha de xeito inmediato un plan de atención as persoas en listas de espera tanto para unha avaliación como para que se materialicen as axudas que teñen recoñecidas a través da Lei de Dependencia, coa dotación orzamentaria e de recursos materiais e humanos preciso.

Solución transitoria para as tarxetas de aparcamento.

- “Instamos tamén a que desde o goberno do Concello, ademais de exixirlle ao Goberno da Xunta que resolva os problemas de demora na avaliación das discapacidades, xestione tamén unha solución transitoria para a expedición de tarxetas de transporte no concello de Gondomar mentras as persoas esperan por esa avaliación”.

BNG de Gondomar