O BNG denuncia que o Goberno de Gondomar non cumpre o protocolo COVID de limpeza en todas as aulas do CRA Antía Cal

CRA Antía Cal, Vilaza
CRA Antía Cal, Vilaza

Manuela Rodríguez: “A obriga de limpar superficies de uso frecuente e aseos polo menos dúas veces durante a xornada lectiva, só se está a facer na aula de Peitieiros

O BNG insta ao Concello, como responsable do mantemento e conservación dos centros de ensino, a prestar ese servizo de inmediato.

O BNG denuncia que o Goberno de Gondomar non cumpre o protocolo COVID de limpeza en todas as aulas do CRA Antía Cal

O BNG de Gondomar denuncia que o goberno municipal socialista non está a cumprir coas normas sanitarias do protocolo de adaptación ao contexto COVID-19 nos centros de ensino elaborado pola Consellaría de Educación, no que respecta á limpeza do Colexio Rural Agrupado (CRA) Antía Cal de Gondomar.

No documento de 31 de agosto, de actualización das recomendacións sanitarias dese protocolo, recóllese que o protocolo de limpeza e desinfección de cada centro debe contemplar que durante a xornada lectiva unha persoa do servizo de limpeza realizará unha limpeza de superficies de uso frecuente e aseos polo menos dúas veces na xornada.

Malia ser o protocolo de limpeza obrigatorio para o Concello, como responsábel do mantemento e conservación dos centros de infantil e primaria, no caso do CRA, que consta de 5 aulas parroquiais, esta limpeza e desinfección só se está a realizar na aula de Peitieiros, pola súa proximidade ao CEP Neira Vilas, pero non así nas de Couso, Chaín, Morgadáns e Vilaza.

Así o confirmou o propio Alcalde, Paco Ferreira, na reunión da Comisión de Seguimento da Covid realizada o pasado luns día 14 de setembro, en resposta á pregunta formulada pola Portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, e así segue a ser segundo confirmación do propio centro na mañá de onte xoves.

Segundo a concelleira nacionalista, “nas aulas do CRA, cada unha con entre 13 e 19 crianzas de idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, faise moito máis necesaria a desinfección se temos en conta que nestas idades non usan máscara. Porén, o Alcalde respondeu que ao conformarse en grupos “burbulla” non era necesario, que podía limpar o persoal docente. Vaia, que viu dicir algo así como dicir que o grupo de goberno podía limpar a casa consistorial”.

“Chama a atención que eluda con esta resposta a falta de limpeza de catro aulas, cando si a realiza nunha delas, sinal de que tan innecesario non é”. O BNG pregúntase se esta decisión obedece máis ben a unha visión economicista que pretende antepor o aforro de persoal á saúde nas aulas.

Esta actitude do goberno municipal de Gondomar é neglixente por non acatar o cumprimento das normas que lle competen e por non colaborar no mantemento dun espazo seguro desde un punto de vista hixiénico e da saúde das crianzas e as súas familias. “Desde o BNG instamos ao Alcalde a que non fuxa da súa responsabilidade e esiximos que preste o servizo de inmediato”.

 

BNG Gondomar

O BNG denuncia que o Goberno de Gondomar non cumpre o protocolo COVID de limpeza en todas as aulas do CRA Antía Cal