A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA ANIMA AS MULLERES DO CONCELLO A SECUNDAR A FOLGA E AS MOBILIZACIÓNS DO 8 DE MARZO.

O BNG denuncia a falta de compromiso coas políticas de igualdade do goberno municipal de Gondomar

O BNG denuncia a falta de compromiso coas políticas de igualdade do goberno municipal de Gondomar

Este 8 de marzo as mulleres de todo o mundo, tamén as galegas, están outra vez chamadas a unha folga internacional na que volverán amosar que están fartas de aturaren a desigualdade en todos os ámbitos da vida. As mulleres padecen a fenda salarial e a precariedade laboral. Soportan a carga do traballo doméstico e de coidados, un esforzo non recoñecido, e continúan sufrindo a violencia machista: violencia simbólica, acoso laboral e sexual, violación e, na forma máis extrema, feminicidio.

Gondomar participou masivamente nas mobilizacións de 2018, e as concelleiras asistiron á concentración diante do Concello, onde exhibiron lazos, camisolas e globos. O Bloque Nacionalista Galego saúda esta iniciativa, mais quere subliñar que non abonda con facerse fotos para mudar a situación das mulleres. O compromiso coa igualdade hai que demostralo todos os días do ano, e o goberno de Gondomar non demostra vontade política de cambiar as cousas.

O Centro de Información á Muller (CIM) continúa sen recursos suficientes, nomeadamente de persoal, para desenvolver o seu traballo, como ten denunciado o BNG en diversas ocasións. Segue sen convocarse o Consello Municipal da Muller desde novembro de 2017, a pesar das promesas da concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro. Sen Consello fican paralizadas as políticas de igualdade e do desenvolvemento do Plan de Igualdade que Gondomar precisa con urxencia. A información sobre Igualdade na páxina web está incompleta e anticuada, unha patente falta de interese polas cuestións relativas á igualdade.

O BNG ten sinalado abondo que a Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza, debe ser unha referencia para combater a desigualdade de xénero. Non abondan os lazos violeta ou as camisolas reivindicativas en días sinalados, precísase demostrar vontade política e considerar o traballo pola igualdade como unha cuestión prioritaria da política municipal.

CHAMAMENTO Á PARTICIPACIÓN NA FOLGA E NAS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS PARA O 8M.

Dende o BNG anímase a todas as mulleres do concello de Gondomar a secundar masivamente a folga e as mobilizacións convocadas este 8 de marzo polo movemento feminista galego, para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo e na esfera social, así como o dereito das mulleres a vivir sen violencia.

BNG Gondomar.