A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA CONSIDERA QUE ESTA PRÁCTICA ATENTA GRAVEMENTE CONTRA OS DEREITOS DAS MULLERES E DAS CRIANZAS

O BNG rexeita rotundamente a legalización dos ventres de alugueiro

Ana Bringas e Amaia Pérez-Izaguirre onte no Café Rañolas
Ana Bringas e Amaia Pérez-Izaguirre onte no Café Rañolas
O BNG rexeita rotundamente a legalización dos ventres de alugueiro

Onte xoves tivo lugar no Café Rañolas un debate público sobre os ventres de alugueiro, organizado polo Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, no que participaron Ana Bringas, Coordinadora do Grupo de Traballo Nacional de Acción Feminista do BNG, e Amaia Pérez-Izaguirre, médica de familia. O acto enmárcase dentro da campaña que está levando a cabo a organización nacionalista por todo o territorio galego para dar a coñecer o seu posicionamento contrario á legalización desta práctica que responde a unha ofensiva do neoliberalismo patriarcal que atenta gravemente contra os dereitos da clase traballadora e moi especialmente das mulleres, agravando e perpetuando a desigualdade.

As dúas relatoras destacaron que a práctica dos ventres de alugueiro, coñecida tamén co eufemismo de “xestación subrogada”, baséase nunha mercantilización dos corpos das mulleres con menos recursos, que son utilizadas como incubadoras para xestar bebés para persoas ou parellas con máis capacidade adquisitiva que, por diversos motivos, non poden ou non queren pasar por un embarazo, pero queren ter descendencia biolóxica.

A formación nacionalista argumenta que a maternidade e a paternidade non son dereitos senón desexos persoais que, en ningún caso, se poden levar a cabo a costa de menoscabar os dereitos das mulleres máis vulnerables. Tanto as mulleres coma as crianzas son cousificadas e tratadas como meras mercadorías, mesmo nos casos da mal chamada “xestación subrogada altruísta”, que, baixo unha aparencia de xenerosidade de mulleres que se prestan a xestar para outras persoas a cambio de nada, agocha os intereses lucrativos de clínicas de fertilidade e bufetes de avogados que actúan de intermediarios, nun negocio que move millóns de euros en todo o mundo. Por todo isto, o BNG rexeita rotundamente a legalización desta práctica.

BNG Gondomar