Olaia Fernández Davila esixe en Gondomar a paralización da reforma da Lei de Administración Local

Olaia Fernández Davila esixe en Gondomar a paralización da reforma da Lei de Administración Local

20131116_nota_prensa_BNG_GondomarO Bloque Nacionalista Galego de Gondomar realizou unha charla informativa sobre a Reforma da Lei de Administración Local este venres na Casa da Cultura de Gondomar. O acto forma parte da campaña que o BNG está levando a cabo por todo o país para informar sobre as consecuencias que esta reforma vai ter para a cidadanía.

A deputada do BNG no Congreso dos Deputados insistíu na importancia da mobilización cidadá para deter a privatización dos servizos públicos emprendida polo goberno do PP

Na charla, presentada por Bieito Lobariñas, participaron Manuela Rodríguez Pumar, responsábel de acción municipal do BNG de Gondomar, e Olaia Fernández Davila, deputada do BNG no Congreso dos Deputados. Entre o numeroso público asistente, había representantes de entidades veciñais, comunidades de montes, centros culturais e asociacións de nais e pais das distintas parroquias do concello.

Manuela Rodríguez Pumar destacou que esta lei se propón debilitar a administración local, a máis próxima á cidadanía, retirándolles aos concellos competencias fundamentais en materia de servizos sociais básicos que xa non poderán seguir prestando. Entre os servizos afectados están a asistencia social a domicilio así como as prestacións que dependen das traballadoras sociais dos concellos, centros de día, políticas de dinamización de emprego, escolas infantís, comedores escolares ou as prestacións deportivas e culturais. Os efectos deste cambio serán especialmente desastrosos para os municipios pequenos do medio rural, como Gondomar.

Pola súa parte, Olaia Fernández Davila explicou que esta lei obedece a dous propósitos fundamentais: por unha banda, como noutras leis anteriores do goberno do PP (sanidade, educación e xustiza), perséguese a recentralización do estado, reforzando as competencias de institucións anacrónicas e caciquís como as deputacións en detrimento dos concellos e da propia administración autonómica; por outra banda, e utilizando a crise como pretexto, a lei pretende reducir ao mínimo o gasto dos concellos, impedíndolles así prestar servizos públicos básicos e convertendo estes servizos nun gran negocio para as empresas amigas a nivel provincial.

Fernández Davila insistiu na importancia das mobilizacións cidadás, o único que pode obrigar ao goberno a cambiar algúns dos aspectos máis negativos do proxecto de lei, como xa sucedeu en ocasións anteriores.

Olaia Fernández Davila esixe en Gondomar a paralización da reforma da Lei de Administración Local