O BNG de Gondomar rexeita o protocolo Covid-19 para o ensino elaborado pola Xunta para o inicio do Curso 2020-2021

O pleno aprobou a moción do Bloque na que se insta á Xunta ao diálogo e a
asumir ás súas competencias tanto na xestión como no financiamento do sobrecusto das medidas do inicio do curso

Instan tamén ao concello á por en marcha todas as medidas necesarias para que ninguén fique sen praza de comedor ou afectado pola fenda dixital

O BNG de Gondomar rexeita o protocolo Covid-19 para o ensino elaborado pola Xunta para o inicio do Curso 2020-2021

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Gondomar, a través da súa Portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno do Concello de Gondomar respecto do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-2021, elaborado polo Partido Popular.

Un protocolo ante o que, de maneira clara e unánime, as organizacións sindicais do ensino e as Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (ANPAs), así como moitos concellos, amosaron o seu rexeitamento e cuxa proposta foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas e os recursos necesarios para a súa implantación.

O protocolo prima os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impón a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo dos centros e ao profesorado, ás nais e aos pais, e tamén aos Concellos que deberán facerse cargo da prestación e sobrecusto de certos servizos. Todo sen que a propia Xunta de Galiza, que é quen ten as competencias en materia sanitaria e educativa, asuma ningunha delas”, afirma a concelleira do BNG.

 

Un protocolo feito ás costas da comunidade educativa e dos concellos.

Un protocolo no que a Consellaría que non ten en conta os criterios establecidos como norma para o resto da poboación, nin no que ten a ver co distanciamento físico nin cos aforos. Que non contempla ningún tipo de complemento económico, nin a contratación de máis persoal docente, imprescindible para reducir o número de alumnado por aula. Nin persoal non docente, nin medios de transporte, nin recursos de reforzo. Que non recolle medidas específicas de ningún tipo para o alumnado de necesidades educativas especiais, o máis afectado durante o confinamento. Que tampouco adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital de acceso, a formación do profesorado e alumnado, ou a achega de materiais para ter garantida a educación universal para todos os nenos e nenas.

A maiores, e desde o punto de vista municipal e malia non teren os concellos competencias en Educación nin en Sanidade, estes están abocados a realizaren os traballos de limpeza extraordinaria que o Protocolo establece para os centros non universitarios durante o desenvolvemento da xornada educativa e que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte do Concello.

O Protocolo tamén regula as condicións nas que se deben prestar as actividades extraescolares, o Plan Madruga e os comedores escolares. Algunhas ANPAs manifestaron a súa disposición a seguiren prestando estes servizos, imprescindibles para facilitar a conciliación familiar e laboral, sempre e cando por parte da Xunta se garanta a súa universalidade e o financiamento do sobrecusto.

Para o BNG a educación e a sanidade son aspectos fundamentais para o funcionamento da sociedade. En palabras da Portavoz Municipal “a Xunta de Galiza, ante unha crise sen precedentes como a da COVID-19, non pode desentenderse da totalidade da comunidade educativa, facendo recaer sobre ela a responsabilidade da súa xestión, nin dos Concellos abrigádoos a financiar o sobrecusto”.

 

Proposta de acordos a tomar polo Pleno Municipal

Ante esta situación, o BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes acordos:

1. Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID-19 para o ensino e apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.

2. Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste Concello, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecusto.

3. Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado do noso concello –reunidas na Federación de ANPAs do Val Miñor (FAVALMI) que á súa vez fai parte da confederación ANPAS Galegas-, abrindo con urxencia por parte da Xunta de Galiza un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores escolares e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.

4. Apoiar a reivindicacións sindicais do profesorado, nomeadamente o incremento de recursos e de persoal docente, e a redución das ratios.

5. Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.

6. Instar á Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias para reducir a fenda dixital de alumnado e profesorado:

   1. Mellorando o servizo de conexión a internet para garantir a o acceso tanto nos centros escolares e como nos fogares no noso concello, para que este elemento non incremente a fenda dixital existente a día de hoxe.
   2. Dotando os centros co material informático necesario para profesorado e alumnado.

7. Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza, á FEGAMP, a ANPAS Galegas

8. Instar ao goberno do Concello a:
   a) Realizar as probas de cribado ao persoal non docente dependente do concello.
   b) A axilizar a desinfección dos centros, para que estean en condicións antes de que o alumnado se incorpore ás aulas. Por outro lado, establecer un programa de desinfeccións periódicas, complementario da limpeza ordinaria. Comprobar que os centros contan con todo o material necesario que dependa do concello, por exemplo, un número adecuado de papeleiras.
  c) Estudar e pór en marcha as medidas necesarias para que se poida ofrecer o servizo de comedor a todo o alumnado que o demandar, nas condicións axeitadas ás circunstancias actuais.
  d) No caso de que alumnado de Gondomar da ESO ou Bacharelato se vira privado de ter as clases presenciais por falta de espazo nos seus respectivos centros e estea afectado pola fenda dixital, o concello fará as xestións necesarias para que poidan dispoñer dun espazo municipal que lles facilite a conexión a internet.

BNG Gondomar.

O BNG de Gondomar rexeita o protocolo Covid-19 para o ensino elaborado pola Xunta para o inicio do Curso 2020-2021