O BNG esixe maior cobertura social para a doenza do cancro
Este mediodía a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e Beatriz Figueroa, afectada pola doenza do cancro, mantiveron unha xunta con portavoces de distintos grupos parlamentares da Cámara para demandar o seu apoio á proposición de lei do BNG para mellorar as prestacións e a cobertura social ás persoas enfermas de cancro que esta tarde se debatará no Pleno da Cámara.
A pesar de estaren convidados, non asitiu ningún portavoz do grupo popular.
Davila solicitou que se aprobe a tramitación da proposición de lei do BNG para mellorar a cobertura laboral e social das persoas que padecen cancro, e que están especialmente desprotexidas en situacións de desemprego. Presentou a Beatriz Figueroa, como "unha loitadora que situou no debate social a problemática daquelas persoas que pasan polo trance dunha enfermidade destas características e que non contan coas prestacións adecuadas a pesares de ter cotizado á Seguridade Social".
Beatriz Figueroa afirmou aos medios após da xunta que "é necesario modificar a Lei de Seguridade Social como pide o BNG na súa proposición de lei" e lembrou que antes das modificacións normativas do Goberno Aznar "as persoas con cancro tiñamos unha resposta no recoñecemento da incapacidade permanente que agora non se recoñece".
Puxo de manifesto a dureza de ter que abordar dúas batallas: a da propia enfermidade e a de ter "que batallar tamén coa Administración polos nosos dereitos, no medio dun trance como o que vivimos".
As persoas que son diagnosticadas de cancro estando no paro, vénse destinadas á unha prestación de 426 euros unha vez que esgotan o desemprego, e sen que se lles recoñeza a incapacidade permanente, ademáis de teren que abonar o 40% dos medicamentos que precisan.
Xunto con membros da Plataforma change.org, fixeron entrega das máis de 500.000 sinaturas conseguidas en apoio a esta xusta demanda.
O debate da proposición de lei do BNG será a partir das 17 horas no Pleno do Congreso e poderá verse en directo en http://www.congreso.es