O BNG XA REXISTROU NA XUNTA AS 23.610 SINATURAS RECOLLIDAS EN TODO O PAÍS
O BNG continua coa recollida de sinaturas contra a estafa da suba da luz e en demanda dunha tarifa eléctrica galega
A campaña continúa e, nesta segunda fase, o BNG complementará a recollida na rúa de sinaturas de consumidores e consumidoras particulares cunha rolda de visitas ás pequenas e medianas empresas do concello cuxas actividades se desenvolven necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía.
Manuela Rodríguez, portavoz municipal: “Ademais de recoller as súas sinaturas, aproveitaremos para lles trasladar a alternativa do BNG e as propostas e iniciativas que está a presentar tanto nos parlamentos galego e estatal como nos concellos.”
Gondomar, 17 de setembro de 2021.- O pasado mes de xullo, o BNG rexistrou na Xunta as 23.610 sinaturas recollidas nun mes ao longo de todo País, tamén en Gondomar, en contra da suba da luz e a favor da posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega.
A campaña continúa e, nesta segunda fase, o BNG complementará a recollida na rúa de sinaturas de consumidores e consumidoras particulares cunha rolda de visitas ás pequenas e medianas empresas do concello cuxas actividades se desenvolven necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía.
“Ademais de recoller as súas sinaturas, aproveitaremos para lles trasladar a alternativa do BNG e as propostas e iniciativas que está a presentar tanto nos parlamentos galego e estatal como nos concellos”, explica Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG.
BNG defende unha tarifa eléctrica propia. PP, PSOE e Unidas Podemos opóñense
Galiza é rica en electricidade pero non se beneficia desa riqueza e a factura da luz sobe ano tras ano, con gobernos do PP, do PSOE ou PSOE-Unidas Podemos, grazas a un sistema feito á medida das eléctricas que obteñen beneficios multimillonarios á conta da xente e de explotar os recursos naturais. En 2020, en plena pandemia: Naturgy 490 M€ de beneficios, Endesa 1.394M€. Iberdrola, 3.610 M€. O 14 de Setembro de 2020 o prezo da luz era de 43€ por megavatio, o 14 de setembro de 2021 foi de 154€, unha subida do 353% nunha escalada de prezos que o BNG cualifica de estafa.
Neste contexto, o pasado martes a portavoz nacionalista, Ana Pontón, defendeu no Parlamento galego unha batería de medidas para abaratar o prezo da luz e conseguir que Galiza se beneficie da riqueza eléctrica do País, con compensación polos custes de ser zona produtora, algo habitual en países como Alemaña, Reino Unido, Suíza, Noruega, entre outros. "Por pura lóxica, xa que é máis barato dar subministración eléctrica alí onde se produce; e tamén por xustiza, para compensar polos custos ambientais e sociais", incidiu Pontón. PP e PSOE votaron en contra, impedindo que galegas e galegos poidan beneficiarse dunha tarifa eléctrica galega máis barata.
No mesmo sentido, o deputado do BNG Néstor Rego, defendeu o luns no Congreso a creación dunha tarifa eléctrica propia: “Hai comarcas galegas que xeran máis electricidade que toda a Comunidade de Madrid (que é deficitaria nun 95%), e pagan a factura máis cara”, criticou Rego. “Non pode entenderse que se apliquen igualmente os custes de trasladar a enerxía, cando as persoas consumidoras galegas viven a poucos metros das fontes de produción e que non se compense por soportar a instalación dos parques eólicos ou centrais hidroeléctricas”.