A Mancomunidade do Val Miñor aproba unha moción do BNG para mellorar o transporte metropolitano

A Mancomunidade do Val Miñor aproba unha moción do BNG para mellorar o transporte metropolitano

O pleno da Mancomunidade celebrado o pasado luns, aproba por unanimidade unha moción presentada polo BNG para a introudcir melloras no servizo de transporte metropolitano realizado pola empresa concesionaria ATSA.

A moción foi levada adiante cos votos favorables do PP, BNG e CDL, ante a ausencia dos representantes do PSOE.

Os acordos alcanzados incluén solicitar á Dirección Xeral de Mobilidade que promova a realización dun Plan de transporte metropolitano da área de Vigo que mellore a comunicación dos diferentes concellos da comarca con Vigo e entre eles. Esixir á empresa adxudicataria o mantemento do actual servizo e solicitar á Direccións Xeral de Mobilidade que se pronuncie no mesmo sentido.

Noutro puntos tamén se acordou que a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor promova a creación, con carácter de urxencia, dunha comisión entre a propia Mancomunidade, a Dirección Xeral de Mobilidade e as empresas, co fin de realizar un plan de transporte do Val Miñor que mellore a situación actual e que recolla, entre outras medidas, a inclusión de novos itinerarios, paradas, solución da situación actual de traxectos con Vigo, etc.

Billete único e melloras nas tarifas

Outros dos puntos acordados afecta directamente ao bolsillo dos usuarios, algo que podería ser visto como un incentivo de cara a incrementar o uso do transporte colectivo. Por iso os representantes políticos acordaron solicitar o compromiso de negociar e impulsar o uso dun billete metropolitano que permita realizar transbordos entre diferentes liñas, da mesma ou diferentes empresas, no ámbito da comarca de Vigo e no tocante ás tarifas solicitaron que a Mancomunidade negocie coa empresa concesionaria tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes, persoas xubiladas, etc, procurando as vías necesarias para garantir o apoio económico a esta medida.

[Fonte da nova e fotografía: Valminor.info

http://www.valminor.info/val-minor/5685-o-pleno-da-mancomunidade-aproba-unha-mocion-para-a-mellora-do-servizo-de-transporte-metropolitano]