GONDOMAR COMA OUTRAS LOCALIDADES DA CONTORNA DE VIGO, ESTÁ ADSCRITA AO HOSPITAL POVISA.

O BNG levará aos concellos afectados a petición de que o Sergas absorba Povisa

A formación nacionalista presentará unha moción en todos os concellos para demandar o rescate para garantir o dereito a unha atención sanitaria 100% pública, gratuíta, universal e de calidade. 
O BNG levará aos concellos afectados a petición de que o Sergas absorba Povisa

O Bloque Nacionalista Galego promoverá unha moción en todos os concellos con poboación adscrita a Povisa para demandar a súa absorción por parte do Sergas. Así o anunciou a fronte nacionalista nunha rolda de prensa na que compareceron o voceiros municipais Xabier P. Igrexas (Vigo), Merchi Giráldez (Cangas), Iago Pereira (Baiona), Manuela R. Pumar (Gondomar) e o concelleiro do Bloque en Moaña, Odilo Barreiro.

Igrexas explicou que esta moción encádrase na batería de iniciativas políticas que a fronte nacionalista está a despregar en diferentes ámbitos para urxir unha reacción do Sergas, diante da operación especulativa que supón a adquisición do 90% do accionariado de Povisa por parte do fondo voitre Centene a través de Ribera Salud.

O portavoz do Bloque na cidade de Vigo subliñou que Povisa non "é unha empresa máis", sinalando que se trata dun hospital que ten adscritos 140 mil pacientes dos concellos de Vigo, Cangas, Baiona, Gondomar, Moaña e Nigrán, e que conta con 1.500 traballadoras e traballadores. "Sete de cada dez euros que ingresa Povisa son diñeiro público de todas as galegas e de todos os galegos", lembrou.

A moción nacionalista demanda que a Xunta proceda a declarar de "interese público" o hospital como primeiro paso para poder tomar completamente o control, para garantir desta maneira o dereito de toda a poboación da área sanitaria de Vigo a unha "sanidade cento por cento pública, gratuíta, universal e de calidade". Tamén insta o Goberno galego a acometer unha auditoría para investigar o uso dos recursos públicos recibidos con base ao concerto singular polo que Povisa ingresa máis de 75 millóns de euros cada ano. Por derradeiro, a moción do Bloque esixe que o executivo de Núñez Feixóo exerza as súas competencias para garantir a calidade asistencial e o respeito ás condicións laborais.

Desde o Bloque rexeitan as declaracións realizadas polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurando que ficarán "vixiantes" para asegurar o cumprimento do concerto. "Xa sabemos canto ten vixiado a Xunta a Povisa durante todos estes anos. Vímolo este mesmo verán cando desde a dirección do hospital se deu instrucción de reducir as atencións sanitarias dos pacientes do Sergas para dedicar ese tempo e eses recursos a mellorar a atención dos pacientes da privada", reprochou Igrexas.

 

Cinismo de Caballero

Pérez Igrexas secundou as críticas formuladas contra o rexedor vigués, Abel Caballero, por parte do Comité de Empresa de Povisa tralo encontro mantido onte, despois de que o alcalde se negase a expresar o seu apoio claro ao rescate de Povisa polo Sergas. "Parece que hai familias en Vigo ás que non se lles pode chistar", criticou en alusión aos até agora propietarios do centro médico.

O edil nacionalista lamentou a "posición cínica" do PSOE nesta cuestión que por unha banda afirma "prestar o seu apoio total aos traballadores e por outra se nega a apoialos na súa demanda de que o Sergas absorba o hospital". Neste sentido, Igrexas lamentou a reacción airada de Caballero perante as súas críticas afirnmando que "o PSOE de Vigo terá a oportunidade no próximo Pleno da Corporación de demostrar de que lado está cando se vote a moción do BNG a favor do rescate de Povisa".