AS EMENDAS FORMULADAS CÉNTRANSE NOS SERVIZOS PÚBLICOS, NO MEDIO AMBIENTE E AS INFRAESTRUTURAS.

O BNG presenta un total de doce emendas aos Orzamentos da Xunta para o 2018 relativas aos concellos do Val Miñor

O BNG presenta un total de doce emendas aos Orzamentos da Xunta para o 2018 relativas aos concellos do Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego formulou un total de doce emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2018 relativas aos concellos do Val Miñor. As emendas formuladas céntranse no reforzamento e alongamento dos servizos públicos, no medio ambiente e na mellora das infraestruturas viarias.

Delas, catro afectan ao conxunto dos tres concellos do Val Miñor.

A cuestión ambiental merece dunha importante atención para a organización nacionalista. Desta maneira, diante dos brutais efectos da vaga incendiaria, propoñen destinar 4 millóns de euros para a recuperación das zonas afectadas polos lumes na comarca de Vigo, na que se inclúen os concellos do Val Miñor. Ademais, demandan tamén a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da Foz do Miñor.

No relativo á sanidade pública, solicitan a dotación de 150.000€ para a ampliación do horario de especialidades (radioloxía, fisioterapia, saúde mental) do PAC Val Miñor.

En canto ás infraestructuras, propoñen a dotación para a realización do estudo para a avaliación do rescate da concesión da AG-57 (Autoestrada do Val Miñor), que conleve a eliminación das peaxes e converta esta vía en verdadeira circunvalación para os tres concellos do Val.

• As restantes emendas teñen carácter local.

Así, o BNG de Baiona ante a elevada demanda de novas prazas, propón a construción dunha nova escola infantil dotando unha partida para o inicio das obras no 2018.

No caso do BNG de Nigrán propoñen a urbanización da rúa Otero Pedrayo (PO 3330), vía de titularidade autonómica que, pese a ser unha estrada moi transitada e que vertebra o municipio, presenta un estado lamentábel.

Pola súa parte, o BNG de Gondomar propón o inicio no 2018 dunha nova escola infantil e dun centro de día para maiores; así como ampliar a atención de pediatría en horario de tarde para o Centro de Saúde de Gondomar.

Propón tamén a mellora da mobilidade peonil (construción de senda peonil) da estrada PO-341 Víncios-Couso, e completar a construción de beiravía na estrada PO-332 Vincios-Nigrán nos tramos que faltan entre Tercias e Vendas na parroquia de Vilaza. Ademais da construción dunha nova fase de saneamento das parroquias do concello de Gondomar.

BNG Val Miñor