Imprimir

O BNG denuncia o deterioro da atención sanitaria no concello de Gondomar

bnggondomar | 28 de Xullo de 2018

Montse Prado xunto a Manuela R. Pumar
Montse Prado xunto a Manuela R. Pumar

Diante do Centro de Saúde de Gondomar, a responsable local do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, denunciou as carencias que esta vila padece en atención sanitaria, onde á escaseza de persoal súmanselle a as baixas e as vacacións dos profesionais que non son cubertas pola Consellería de Sanidade.

Así prodúcense deficiencias e atrasos na atención, xa que ou o resto dos profesionais vense na obriga de asumir as consultas dos que faltan, incrementando o seu volume de traballo, ou simplemente non hai atención sanitaria  durante ese período.

Isto provoca a necesidade de realizar axustes nas axendas cos conseguintes trastornos para os pacientes que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día. Iso ocorre, por exemplo, con persoas en tratamento con Sintrom ou coas familias que se ven obrigadas a se desprazar ao PAC da Xunqueira para recibir atención pediátrica para as súas crianzas cando a súa pediatra está de vacacións.

A FOLLA DE RUTA DO PP: DETERIORAR A SANIDADE PÚBLICA PARA DARLLE NEGOCIO Á PRIVADA

No mesmo acto, a deputada do BNG Montse Prado denunciou que a razón do deterioro da sanidade pública, o que provoca esta situación, é a política do Partido Popular. Desde a chegada de Feixóo á fronte da Xunta, esa foi a súa folla de ruta: recortes en orzamentos e persoal coa escusa da crise, cando ben cedo se viu que era unha escolla ideolóxica e premeditada para deteriorar a sanidade pública e dirixir recursos públicos cara á sanidade privada.

A deputada do BNG afirmou que a atención primaria é o sector da sanidade que veu padecendo máis recortes: centros de Saúde obsoletos, infraestruturas sen rematar de construír durante anos, e unha política de persoal infame, cunhas condicións de traballo e salario indignas, mentres o PP segue a escudarse en que non hai profesionais.

O BNG ten presentado iniciativas parlamentares con alternativas consensuadas cos sectores profesionais que son desbotadas pola Consellería, porque a súa aposta é a privatización e o paso previo o deterioro da sanidade pública. 

No verán non hai profesionais para a sanidade pública, mais na privada non pechan camas, non faltan médicos, nin hai problema para acceder as especialidades. Son os vasos comunicantes: canto menos sanidade pública, máis privada. “É a folla de ruta do PP e en pleno mes de xullo o BNG estamos en Gondomar denunciando esta situación porque non imos admitir como normal o que non é normal, e porque non imos consentir que nos rouben a sanidade pública. Non imos calar diante dunha situación que se vai consolidando día tras día e que o PP quere que a sociedade a asuma como normal.

BNG Gondomar.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/sanidade/bng-denuncia-deterioro-da-atencion-sanitaria-concello-gondomar/20180728100528001160.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Gondomar

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal