O pleno de Gondomar aproba unha moción do BNG sobre os comedores escolares
Solicitan dos gobernos local e da Xunta a instalación dunha cociña nun centro escolar do concello que dea servizo a todos os centros educativos de Gondomar, tal como solicitan as ANPAS.
Instán ao goberno de Feijóo a recuperar a xestión pública dos comedores como garante duns servizos públicos universais e gratuítos.
O pleno do concello de Gondomar aprobou na derradeira sesión de 2019 unha moción do BNG a respecto da xestión dos comedores escolares do concello.
O BNG considera prioritario que a administración pública facilite os servizos complementares como comedor ou as aulas matinais no ensino público porque, ademais de seren educativos e de saúde, son elementos primordiais para a conciliación das vidas familiares e laborais. Por iso, considera que debera asumir, paulatinamente, a súa xestión pública e directa desde a administración galega, para garantir o dereito de acceso a este servizo complementario e, sobre todo, a unha alimentación de calidade e de proximidade.
O alumnado escolarizado no ensino público de Galiza debería ter dereito a facer uso do servizo de comedor escolar, e desde logo o alumnado que ten que facer uso do transporte escolar para a súa escolarización debería ter acceso gratuíto ao comedor escolar, establecendo uns prezos módicos para o resto do alumnado, co obxectivo final de conseguir o acceso gratuíto para todo o alumnado do ensino obrigatorio e infantil.
O Partido Popular privatizou e externalizou este servizo con nefastas consecuencias para o alumnado. No caso de Gondomar, o modelo de xestión que Xunta e Concello comparten é un modelo que ofrece comida de baixa calidade, cociñada en produción industrial, lonxe dos lugares onde se come e con moitas horas de antelación ao momento do xantar. O contrato do servizo ofertado polo concello contempla un prezo por menú que non garante a calidade e que só beneficia as empresas, que buscan a rendibilidade do negocio rabuñando o que poden a cada menú e a cada salario dos e das súas traballadoras. Isto ten provocado ultimamente problemas co estado da comida que chega aos comedores escolares, ademais doutras incidencias detectadas polas persoas que atenden o xantar nos colexios e que veñen denunciando as ANPAS do concello.
Tamén hai deficiencias nos espazos para comedor de que dispoñen algúns centros. Así, no colexio Souto-Donas, nun comedor con espazo para 25 persoas vense obrigadas a comer en dúas quendas, co conseguinte presa dos primeiros para que non coman frío os segundos, que non consiguen. No Serra-Vincios tamén hai problemas de espazo. Algo moi negativo tendo en conta que o espazo, o tempo e o ambiente no que comen as e os escolares incide de xeito considerable na súa relación coa comida e co feito de se alimentar.
As familias, a través das ANPAS, están a solicitar un modelo diferente, apostando por unha elaboración de proximidade, baseada na calidade dos productos e na comodidade de nenas e nenos, que dea seguridade ás familias.
Por esa razón, a moción presentada polo BNG e aprobada polo pleno, a excepción do PP, contemplaba os seguintes acordos:
- instar ao goberno local e o galego a acometer a ampliación dos comedores alí onde sexa necesario, e a facilitar, no inmediato, o investimento e instalación dunha cociña nun centro escolar do concello que dea servizo a todos os demais centros de Gondomar, incluídas as aulas do CRA Antía Cal de todas as parroquias e os centros de secundaria, para que a empresa que actualmente presta o servizo elabore os menús na proximidade dos centros e con productos de calidade.
- instar ao goberno da xunta a retomar a xestión pública dos comedores para garantir o dereito de acceso a este servizo complementario, que é tamén educativo, e a unha alimentación de calidade e de proximidade.
BNG de Gondomar