O BNG insta ao Alcalde a convocar con urxencia a praza de asesoría xurídica do CIM pola xubilación da actual avogada

Manuela Rodríguez: Non podemos permitir estar sen ese servizo nin sequera temporalmente. Se non se cubre a praza a tempo, as mulleres en situación de vulnerabilidade e maltrato ficarían desprotexidas

O BNG insta ao Alcalde a convocar con urxencia a praza de asesoría xurídica do CIM pola xubilación da actual avogada

Gondomar, febreiro 2022.- O BNG insta ao goberno local, nomeadamente ao Alcalde, Paco Ferreira, e á concelleira de Igualdade e Tenente de Alcaldía, Nuria Lameiro, a convocar con urxencia a praza de asesoría xurídica do CIM de Gondomar ante a inminente xubilación da actual avogada.

 

Máis unha vez, o BNG denuncia a falla de previsión do goberno local: a data de xubilación dunha funcionaria municipal non é unha sorpresa, ben se sabe de antemán”, indica Rodríguez, “polo que o procedemento de elaboración das bases para cubrir a praza da avogada, e actual directora do CIM, debería estar en marcha. O proceso selectivo para a cobertura dunha praza vacante leva o seu tempo, e non podemos permitir estar sen o servizo aínda que sexa temporalmente”.

 

A asesoría xurídica do Centro de Información á Muller é básica polo seu labor de asesoramento ás mulleres sobre calquera situación que requira orientación en materia legal, en especial ás que se atopan en situación de vulnerabilidade ou son vítimas de violencia machista. Se non se cubre a praza a tempo, unha vez que deixe o posto a actual funcionaria esas mulleres quedarán desprotexidas nesa materia. Ao tempo, todo o traballo de atención da área de igualdade recaerá en só dúas persoas, técnica de igualdade e psicóloga, xa desbordadas pola actividade actual dadas as escasas horas de contratación dos seus postos.

 

A maiores, ao non contar o Servizo de Igualdade de Gondomar cun orzamento propio, a

maioría das actividades que realiza dependen das liñas de subvención de outras

institucións. Nomeadamente aquelas da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta

destinadas especificamente aos CIM. Estes, para seren considerados como tales, deben

contar sempre con praza de asesoría xurídica. De non existir, non se poderán solicitar o

que impediría, de facto, levar adiante a maioría das accións do Plan de Igualdade.

 

Falla de orzamento dos gobernos galego e local

A demora na cobertura da praza de asesoría xurídica viría confirmar a tónica xeral do desleixo dos gobernos local e galego con respecto ao servizo do CIM e as políticas de igualdade: falla de orzamento propio, contratacións precarias e escasas para as necesidades do concello, espazos inadecuados.

A precariedade no servizo é consecuencia directa do deixamento de funcións por parte do goberno da Xunta de Galiza, a quen lle corresponde garantir o financiamento, persoal e formación estábel e suficiente dos CIM, que posibilitaría incrementar o tempo de contratación das traballadoras actuais e os medios de que dispoñen. Mais tamén da incapacidade do goberno local para aprobar un orzamento municipal propio por sétimo ano consecutivo. Incompetencia que limita a acción política do concello á prorrogación dunhas contas do PP que xa eran deficientes no ano 2012, e impide a dotación de presuposto específico para a área local de Igualdade.

 

O BNG insta aos gobernos do PP de Feixóo e do PSOE de Ferreira a que desenvolvan xa as súas respectivas competencias de xeito que se poida ofrecer, en mellores condicións, a atención técnica, xurídica e psicolóxica necesaria a todas as mulleres de Gondomar que a precisen.

 

O BNG insta ao Alcalde a convocar con urxencia a praza de asesoría xurídica do CIM pola xubilación da actual avogada