AÍNDA QUE ENTENDEN QUE CARECE DE XUSTIFICACIÓN

O BNG de Gondomar solicita os informes municipais que xustifiquen a talla de árbores no xardín da Casa Peralba

Foto1_TallaCasaPeralba
Arboricidio na Casa Peralba

Manuela Rodríguez: “Para o Bloque as árbores non son ornamento, non son mobiliario ou adorno, nin moito menos un estorbo, senón que son seres vivos que cumpren unha función esencial en termos de sustentabilidade ambiental”

 

O BNG de Gondomar solicita os informes municipais que xustifiquen a talla de árbores no xardín da Casa Peralba

Gondomar, 6 de agosto de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa portavoz no concello, Manuela Rodríguez, solicita ao goberno municipal de Gondomar que lle faga entrega de todos os informes, técnicos ou de calquera outro tipo, que xustifiquen a talla de árbores practicada onte nos xardíns da Casa Peralba, en pleno centro da Vila.

A fronte nacionalista quere coñecer cales son os motivos reais da talla, xa que entenden que carece de xustificación, e subliñan que para o Bloque “as árbores non son ornamento, non son mobiliario nin apenas adorno, senón que son seres vivos que cumpren unha función esencial en termos de sustentabilidade ambiental”.

É lamentábel e preocupante que a primeira medida adoptada por Paco Ferreira na acabada de adquirir Casa Peralba sexa a eliminación de toda a vexetación do xardín”, indica Rodríguez. E engade: “é unha nefasta decisión que vai en contra da propia ordenanza municipal de medioambiente e doutros protocolos aos que se ten sumado o concello”.

Desde o BNG defenden que para avanzar cara a unha vila máis sustentábel hai que respeitar as nosas zonas verdes e o arborado cumprindo a propia ordenanza municipal de medio ambiente, limitando as cortas a aqueles supostos nos que estea debidamente xustificado.

E denuncian, máis unha vez, o xeito de gobernar de Ferreira: “imposición do seu criterio persoal ou de partido na toma decisións e ausencia de explicación ou información a veciñanza nin ao conxunto da corporación municipal sobre as súas accións, confundindo sempre maioría absoluta con razón”.

O BNG de Gondomar solicita os informes municipais que xustifiquen a talla de árbores no xardín da Casa Peralba