Apoio ás vítimas da violencia de xénero
Para o BNG vivir sen violencia é un dereito. A violencia machista conculca os dereitos e pon en perigo a vida de moitas mulleres galegas e é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade. A obriga das administracións públicas é poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer as vítimas. Por este motivo o BNG reclama do Goberno Municipal de Gondomar que trate no Pleno unha moción que adopte os seguintes acordos:
1- A Corporación municipal asume o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero.
2- A Corporación municipal insta ao Goberno galego a facer efectiva a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero e deste modo :
- Mellorar as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, para o que cómpre estabelecer uns baremos de renda idénticos aos que se recollían nas convocatorias anteriores a 2011, eliminar a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de se beneficiar con anterioridade das medidas recollidas no artigo e garantir que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda está aberto durante todo o ano, fixar un prazo máximo de 30 días para a resolución e pago efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude. Dada a situación de crise económica que viven as mulleres galegas, é preciso, asemade, ampliar a duración das axudas a 18 meses prorrogábeis até 24 meses segundo a situación da vítima.
- Presentar perante o Parlamento un estudo e valoración desta axuda económica durante os sete anos da súa aplicación.
- Dar cumprimento ao contido do artigo 25 que recoñece a necesidade de integrar a Atención psicolóxica como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias.
- Implantar, tal como recolle o artigo 27 da lei, a través do departamento competente no ámbito sanitario un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero.
- Dar cumprimento, de xeito prioritario, ao artigo 35 de Medidas específicas no ámbito da formación e do emprego garantindo que as mulleres que sofren violencia de xénero sexan colectivo preferente na totalidade da normativa autonómica relativa ao estabelecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal e na empregabilidade en xeral.
- Garantir o cumprimento dunha Atención xurídica axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero. Garantirase que as persoas profesionais que presten estes servizos terán unha formación específica en materia de violencia contra as mulleres como requisito para o exercicio desta atención.
3- A Corporación municipal insta ao Goberno Galego a demandar de xeito efectivo do goberno do estado a creación dos xulgados específicos de Violencia de xénero nas cidades galegas que a día de hoxe aínda carecen deles.