Moción contra o anteproxecto de Lei do Aborto
O BNG de Gondomar, presentou por rexistro a solicitude de que o Pleno do Concello de Gondomar rexeite o anteproxecto de lei do aborto aprobado polo Consello de Ministros o pasado 20 de decembro, propondo a súa paralización inmediata e que se inste á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
Nesta moción proponse tamén instar á Xunta de Galiza a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación. Instar á Xunta de Galiza a garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva, para este fin, eliminaranse as referencias á Red Madre na información que facilite a Xunta de Galiza. Tamén instar á Xunta de Galiza a pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
Ademais, a moción recolle que o Concello poña en marcha, a través da área de Igualdade, unha campaña institucional de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei.
O BNG entende que a aprobación desta moción é necesaria e urxente, para que non se produza o retroceso que se pretende desde o PP ao presentar esta lei, un retroceso que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva. Baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres.
O BNG xa presentou esta mesma moción en varios concellos galegos, sendo nalgúns casos aprobada mesmo co apoio de concelleiros do PP.