ANTE OS REITERADOS ADIAMENTOS DA AXENDA CULTURAL MUNICIPAL POR MOR DA COVID
O BNG de Gondomar propón que a Concellería de Cultura abone xa o 75% do cache a artistas e compañías afectadas
O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, ante o novo aprazamento da axenda cultural municipal, ven de presentar unha nova proposta, na liña da trasladada no mes de maio, de medidas tendentes a paliar os efectos que a COVID provoca no sector cultural no concello.
A través da súa Portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, o BNG presenta unha nova moción para o seu debate no vindeiro pleno de setembro na que volve incidir en que “a cultura é un ben imprescindíbel para o noso benestar emocional, tan necesario coma o físico, é tamén un ben xerador de riqueza económica. Para quen a crea, para quen intervén no proceso da creación e, por extensión, para os lugares en que esas persoas realizan o seu traballo e alí onde o presentan.”
Para o BNG, as consecuencias socioeconómicas da crise do COVID-19 sobre un sector cultural atomizado, precarizado e con escasa capacidade de resistencia en contextos adversos como este, fai preciso que as administracións adopten medidas determinantes para o mantemento da actividade cultural e dos postos de traballo que xera.
“Á hora de adoptar esas decisións, débese ter en conta que a acción creativa desenvolvese desde un momento moi anterior á obtención do produto final, e que ese proceso implica un investimento previo que, en ausencia de ingresos pola imposibilidade de desenvolver a súa actividade, só poderá ser soportado co apoio económico das administracións”, argumenta a concelleira do BNG.
Nesa liña, o BNG propón que o Concello garanta o pago integro de aquelas actividades programadas na axenda cultural propia do concello para este 2020 que foran ou vaian ser adiadas por mor da COVID-19, facendo achega do 75% do custe da actividade no momento do adiamento (ou de inmediato caso de ter sido adiada con anterioridade a este acordo plenario), e completando até o 100% unha vez realizada a actividade ou antes do 31 de decembro de 2020 no caso de non for posíbel re-programala.
Apoio decidido as entidades culturais existentes no concello
Hai que sinalar que a maior parte da actividade cultural do noso concello é producida polas entidades culturais existentes en Gondomar, incluídas as parroquiais, e que estas tamén se ven directamente afectadas polos efectos da COVID-19.
“As dificultades espacial e económica á hora de implementar as medidas sanitarias de seguridade ante o virus e o medo ao contaxio están a provocar un parón das actividades. Isto, sumado á crise económica que esta pandemia leva aparellada, tradúcese en perda de socias e socios e, por conseguinte, de ingresos. E esta situación está a poñer en perigo a continuidade do persoal que imparte formación nas asociacións e, nalgúns casos, a da entidade mesma”, asegura Manuela Rodríguez.
Por esta razón, o BNG insta ao goberno local a convocar, de xeito inmediato e con maior orzamento que en anos anteriores, as subvencións municipais de cultura para 2020, fundamentais para a supervivencia das entidades culturais no contexto actual, incluíndo nas bases o pago anticipado dunha porcentaxe do 75% no momento da resolución inicial, e o pagamento do 25% restante unha vez xustificadas as actividades, mantendo as achegas aínda no caso de que o obxecto destas non se chegue a producir por mor do coronavirus.
A organización nacionalista, propón ademais re-investir en cultura as partidas orzamentarias desta área que non poidan ser executadas por mor da crise, incrementando a programación cultural co obxecto de colaborar na recuperación do sector. Para facelo posible “consideramos imprescindible contar coa participación de todos os colectivos e axentes culturais para abordar esta problemática e tomar, coa súa complicidade e implicación, as medidas máis axeitadas”.
BNG Gondomar