PRESENTA UNHA MOCIÓN CON MEDIDAS PROACTIVAS PARA PREVENCIÓN DA SECA
O BNG esixe a modificación do Plan da Seca para o adaptar ao conxunto da poboación do concello de Gondomar
Manuela Rodríguez: “Non ten sentido facer un Plan da Seca sen ter en conta á maioría da poboación, nada menos que o 56,8%, que está xestionada polas comunidades de augas”.
A fronte nacionalista critica que o plan fora elaborado de xeito pechado, sen o concurso e colaboración dos axentes municipais implicados no ciclo da auga.
Gondomar, 4 de xullo de 2022.- O BNG esixe a modificación do Plan da Seca para o adaptar ao conxunto da poboación do concello de Gondomar. A organización nacionalista vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno de xullo na que tamén inclúe medidas proactivas contra a seca.
O pasado 26 de maio o goberno local presentou o Plan Municipal de Emerxencia e Xestión do Risco de Seca para o concello de Gondomar. Un plan que foi elaborado de xeito pechado, sen o concurso e colaboración dos axentes municipais implicados no ciclo da auga, nomeadamente as comunidades de augas e o peso poboacional ao que estas dan servizo, e de costas tamén ao conxunto da corporación municipal. Un novo exemplo da nula apertura á participación veciñal e social por parte do goberno de Paco Ferreira. “Froito desa falla de participación e, xa que logo, de posibilidade de achegas ao documento, este plan nace insuficiente por non dicir inservible”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
O propio plan di que a poboación afectada polo seu desenvolvemento é de 6.735 habitantes, cando a poboación total do concello de Gondomar no momento da redacción do documento xa era de 15.605 habitantes; tamén recolle que só describe e estuda os sistemas de abastecemento pertencentes á rede municipal. “Non ten sentido facer un Plan da Seca sen un traballo previo de análise da situación da totalidade da poboación, e este deixa fóra a nada menos que o 56,8%, que é a que xestionan as comunidades de augas”, indica Rodríguez. “É unha irresponsabilidade obviala, xa que o período de seca afecta a toda a poboación.”
Medidas proactivas contra a seca
Para o BNG é fundamental afondar na importancia do aforro e na toma de conciencia individual en termos de consumo responsábel e aproveitamento dos recursos. A contribución e a suma das accións individuais son o inicio do camiño para unha responsabilidade social sostíbel que debe exemplificarse a través da responsabilidade da propia administración local.
É por iso que o BNG vén de presentar unha moción na que solicita do Pleno da Corporación municipal instar ao goberno local a elaborar un Plan Integral de Abastecemento e Saneamento de auga para todo o concello, incorporando as distintas recomendacións para unha “Nova Cultura da Auga”; elaborar unha Ordenanza municipal da eficiencia e o aforro; establecer campañas sobre consumo responsábel, aforro e concienciación diante do cambio climático; crear o Consello Municipal da Auga como órgano participativo e consultivo na xestión da auga, onde estean representadas as Comunidades de Augas; e establecer convenios de colaboración económica e de prestación coas comunidades de augas na súa calidade de entidades subministradoras do abastecemento a, practicamente, o 60% da poboación de Gondomar.
Así mesmo, o BNG esixe a modificación do Plan da Seca para o adaptar ao conxunto da poboación do concello de Gondomar, abrindo un prazo e espazo de colaboración para a súa mellora por parte de todos os axentes implicados no ciclo da auga e do conxunto da corporación, como debería terse feito desde un inicio.