LOGO DE ENTRAR BAIONA E NIGRÁN EN ALERTA POR ESCASEZA DE AUGA
O BNG de Gondomar insta a convocar unha xuntanza para abordar toda a problemática do Ciclo da Auga no concello
O BNG de Gondomar insta ao Goberno local a convocar unha xuntanza na que abordar toda a problemática do Ciclo da Auga no concello. Unha reunión con todos os axentes implicados, incluídas as comunidades de augas e o conxunto da Corporación.
Na moción presentada insta tamén ao Goberno local á conveniar coa Xunta as actuacións e obras necesarias para garantir o abastecemento á poboación durante un período de seca
Gondomar, 3 outubro 2022.- O BNG de Gondomar insta ao Goberno local a convocar unha xuntanza na que abordar toda a problemática do Ciclo da Auga no concello. Unha reunión con todos os axentes implicados, incluídas as comunidades de augas e o conxunto da Corporación.
O BNG fai estas propostas logo de saber que a Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia decidiu declarar a situación de alerta por escaseza de auga para os concellos de Baiona e Nigrán. Nomeadamente porque, en anos pasados e en períodos en que a captación propia non foi quen de subministrar todo o caudal necesario, o concello de Gondomar ten botado man da conexión coa rede do Concello de Baiona, situada na zona de Borreiros, que recibe auga da presa de Bahíña, un dos sistemas .
Así mesmo, solicita información acerca de se o plan da seca foi trasladado á Xunta, se foi aprobado e se está vixente, e tamén sobre as medidas adoptadas para facer fronte a situación de escaseza de choivas. Porque máis alá do bando publicado no mes de xullo, “descoñecemos se esas medidas se están a cumprir e que outras se puxeron en marcha nos dous últimos meses”, indica a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez. E, se ben o Alcalde ten ‘alardeado’ de que Gondomar é o único concello dos arredores que redactou un Plan da Seca, desde o BNG consideran que “máis alá de colgarse a medalla, debería informar á veciñanza de que medidas está a tomar para evitar posíbeis cortes na subministración se a seca persiste”, engade.
Para o BNG, a situación de seca e a súa afectación aos recursos hídricos dos concellos limítrofes, fai preciso reducir drasticamente os baldeos de limpeza e de regos de espazos públicos ou de titularidade municipal, como os xardíns ou instalacións deportivas, e controlar o cumprimento das recomendacións e instrucións para a redución do consumo no ámbito privado á poboación subministrada a través da rede do Concello. Incluída a rede veciñal de Vilaza porque, independentemente da indefinición en que está, razóns de interese público xustificarían a intervención da administración local para garantir a subministración de auga ao conxunto da rede municipal. A este respecto o BNG vén de solicitar do goberno local un informe sobre as medidas e restricións establecidas e sobre os controis que se están a realizar para o seu cumprimento.
A necesaria ampliación da actual captación de auga
Aínda con limitacións, no Plan elaborado polo Concello de Gondomar reflíctense datos obxectivos e preocupantes no que ao abastecemento de auga se refire. Así, informa de que a fonte principal de abastecemento da rede municipal de subministración de auga de Gondomar é o río Miñor, concretamente a captación na unión do río Touteiras co río Morgadáns. Indica tamén que, nos meses de maior seca (xuño a outubro), hai momentos nos que o caudal demandado chega a estar moi próximo ao caudal ecolóxico del río, o que evidencia que a captación existente estaría próxima ao límite da súa capacidade.
Tamén constata unha porcentaxe excesiva de perdas na rede. Mais o que non ten en conta o Plan é que, a maiores, nos pregos da concesión do futuro contrato privado da auga contémplase a incorporación de novos enganches á rede, incluída a poboación da parroquia de Vilaza, máis non prevé ningunha ampliación de captacións de auga.
É por iso que, apelando á Lei galega de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca que recolle que “as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán promover e executar, no ámbito das súas competencias, aquelas actuacións e obras necesarias para garantir o abastecemento á poboación durante un período de seca”, e que cando as entidades locais, “carezan por si mesmas e/ou coa asistencia das deputacións provinciais correspondentes da capacidade técnica e/ou financeira para a execución das obras ou infraestruturas hidráulicas necesarias para garantir o abastecemento no marco dun episodio de seca e/ou dunha situación de risco sanitario, poderán solicitar a colaboración técnica e/ou financeira da entidade pública empresarial Augas de Galicia para a súa execución’, o BNG insta ao goberno local á conveniar coa Xunta as actuacións e obras necesarias para garantir o abastecemento ao conxunto da poboación de Gondomar.