En defensa dos dereitos laborais do persoal do Concello

En defensa dos dereitos laborais do persoal do Concello



O BNG de Gondomar presentou no rexistro do Concello unha moción para reclamar que o Pleno do Concello rexeite impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo e de deterioro das súas condicións de traballo.



 Na moción presentada o BNG propón que o Pleno tome o seguinte acordo:



1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.

2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.

3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía e á Xunta de Goberno Local a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.



O BNG entende que as decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica están a provocar un agravamento da crise económica. A obsesión por dar unha prioridade absoluta á contención do gasto público, seguindo sen matices os ditados emanados polo FMI, o BCE ou a UE, cada vez máis pregados aos intereses do capital financeiro transnacional, ocasionan tanto unha continua perda de empregos como un empeoramento das condicións de vida das persoas que manteñen o seu emprego.



Até o de agora, o “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. Ningún sector económico é alleo nestes momentos á crise, porén tampouco se están a elaborar estratexias para reactivar o pulso económico nos mesmos.



A única política seguida polo goberno do PP é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. Esa teima amosa como este Goberno está a empregar a crise máis como un pretexto para avanzar no modelo de sociedade cada vez máis desigual que abandeira a doutrina neoliberal. O propio Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU vén de afirmar, respecto do Estado español, que “as medidas de austeridade están prexudicando de forma desproporcionada os grupos desfavorecidos”, asegurando ademais que os axustes están a destruír o estado do benestar e provocando un aumento considerábel do número de persoas en risco de pobreza.



O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas.



En defensa dos dereitos laborais do persoal do Concello