O BNG de Gondomar esixe que a Xunta garanta o comedor a todo o alumnado do CRA Antía Cal
O goberno da Xunta pretende dar servizo só aos alumnos da aula de Peitieiros que xa usaban o comedor no curso anterior e até que finalicen a etapa de infantil, e négalle ese dereito ao resto do alumnado das dúas aulas de Peitieiros e ao das aulas de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza.
O goberno local, que debería mediar entre Consellería, centros educativos e familias para garantir o servizo a todo o alumnado que o precisar, está ausente
Manuela Rodríguez: “E indignante que o goberno do PP na Xunta decida non prestar un servizo que é da súa competencia; tamén o é que o goberno local do PSOE, que o co-xestionaba até agora, se desentenda das familias e mire para outro lado”.
Gondomar, 18 de xuño de 2022.- O BNG de Gondomar denuncia que o Goberno da Xunta pretenda deixar definitivamente sen comedor ao alumnado do Colexio Rural Agrupado (CRA) Antía Cal. A Consellaría pretende dar servizo só aos alumnos das aulas de Peitieiros que xa usaban o comedor no curso anterior e até que finalicen a etapa de infantil, mais négalle ese dereito ao resto do alumnado de Peitieiros e ao das aulas de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza.
A mediados de xuño a Portavoz municipal do PP local, Paula Bouzós, xunto co Secretario Xeral de Educación, Manuel Vila, anunciaban nos medios de comunicación que, ante o abandono por parte do Concello, a Consellaría ía asumir o servizo dos comedores dos catro centros educativos de primaria e do CRA Antía Cal de Peitieiros de segundo ciclo de infantil.
Pois ben, apenas mes e medio despois as familias do alumnado do CRA atópanse co abandono tamén por parte da Xunta. Unha comunicación da dirección do centro informounas de que só terán dereito a comedor as crianzas que xa usaban o servizo no ano anterior, como excepción e até que completen a súa escolarización en infantil. Serán catro no curso 2022-2023 e dúas no 2023-2024. As demais familias, tanto das aulas de Peitieiros como das outras catro parroquias, ficarán excluídas.
O Antía Cal, que contou neste curso nas súas seis aulas cunha matrícula de 108 alumnas e alumnos de segundo ciclo de educación infantil, e un dos CRA que a propia Consellería sinala como fundamentais para ‘elevar a calidade do ensino das comunidades rurais, así como contribuír á revitalización socioeconómica e cultural das mesmas’. Así mesmo, tal como recolle o Decreto 132/2013 polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos galegos, a administración educativa debe potenciar que os centros ofrezan servizos complementarios, como o comedor escolar, co fin de ‘favorecer que amplíen a súa oferta educativa para atender as novas demandas sociais’, tamén aquelas que constitúen un ‘importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar’. “Todo o contrario do que está a facer con esta actuación, que é un paso máis na folla de ruta do PP de deixar sen servizos aos colexios públicos e do rural”, denuncia o BNG.
Por outro lado, no BNG consideran que o goberno municipal do PSOE, que até agora co-xestionaba o servizo, debería ser o primeiro en defender unha prestación as familias que contribúe a fixar poboación no concello. “É indignante que o goberno do PP na Xunta decida non prestar un servizo que é da súa competencia, mais tamén o é que o goberno local do PSOE se desentenda das familias e mire para outro lado”, indica a portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
O Bloque esixe a rectificación da Consellaría e insta ao goberno local a mediar para garantir o servizo a todo o alumnado que o precisar.