ATSA reduce as liñas de transporte Gondomar-Vigo
O BNG denuncia a pasividade do goberno local do PP ante a redución en máis do 50% das liñas de transporte que unen Gondomar con Vigo. En febreiro e marzo deste mesmo ano o BNG reclamou a actuación decidida do goberno municipal de Gondomar ante o anuncio das empresas Melytour e Atsa de reducir as liñas de transporte existentes, xa moi deficitarias.
O BNG iniciou unha campaña que ademais da recollida de sinaturas entre as e os afectados incluíu a presentación de varias mocións nos Concellos e Mancomunidade do Val Miñor, así como unha moción no propio Parlamento Galego.
O BNG xa denunciou en marzo a actitude do PP que no Parlamento galego votou en contra dunha iniciativa do BNG sobre a problemática do transporte no Val Miñor e Baixo Miño. A iniciativa fora presentada o cinco de febreiro pola deputada Carme Adán ao facerse pública a intención das empresas que realizan o transporte nesta comarca de reducir o servizo, xa de por si deficitario.
O BNG propoñía na súa iniciativa: realizar un Plan de transporte metropolitano da área de Vigo coa dotación orzamentaria necesaria, en que se incluíse o uso dun billete metropolitano e tarifas reducidas para usuarios/as habituais, estudantes, persoas xubiladas, etc. E esixir das empresas que realizan o servizo no Val Miñor o mantemento das liñas e horarios existentes en xaneiro. Porén o Partido Popular aplicou a súa maioría absoluta contra a cidadanía do Val Miñor.
O pasado 1 de xullo, a Mancomunidade do Val Miñor aprobaba por unanimidade a moción do BNG que insistía nas demandas propostas ante o Parlamento. Mais o desenlace final é que Melytour xa reduciu as súas liñas de transporte neste verán e ATSA vaino facer a partir do luns, reducindo nun 50% as liñas de transporte, que pasa a ter unha frecuencia de cada dúas horas desde Gondomar e desde Vigo. Cómpre denunciar que esta redución afecta a Gondomar exclusivamente, que ademais non terá ningunha liña que pase polo centro de Nigrán, xa que todas as liñas que quedarán pasarán sempre por Panxón.
Para o BNG o PP é responsábel desta situación, especialmente o goberno municipal de Gondomar, pois non actuou aínda tendo na súa man a ferramenta para tentar modificar a situación: a iniciativa presentada no Parlamento ou as alegacións presentadas ante a Dirección Xeral de Mobilidade, mais preferiu deixarlle carta branca ás empresas, no canto de buscar solucións para manter e mellorar o servizo.
A realidade é que o servizo actual empeora cada vez máis a súa calidade e deste xeito soamente perde usuarios. Se a Administración se tivese implicado e comezase a pór en marcha as medidas propostas polo BNG, non só melloraría o servizo para os usuarios, senón para as propias empresas, que con esas medidas (ampliación de liñas, billete metropolitano, tarifas reducidas) verían incrementado o volume de usuarios, porque non esquezamos que a baixa frecuencia de liñas e as tarifas elevadas son os primeiros inimigos do servizo, pois non son verdadeiras alternativas ao transporte en vehículo propio.
O BNG continuará reclamando desde todas a instancias o mantemento das liñas que circulaban ao principio deste ano, o seu incremento e a mellora do servizo para que realmente sexa un servizo público, e estudará as mobilizacións a levar a cabo para reclamar a mellora do servizo.