Iniciativa parlamentaria do BNG sobre o transporte metropolitano Gondomar-Vigo
O BNG leva ao Parlamento galego o drástico recorte do 50% das liñas de transporte que unen ao Concello de Gondomar con Vigo, que se traducirá nunha caída en picado da calidade do servizo que recibe a veciñanza do municipio e o conxunto da Comarca do Val Miñor.
A iniciativa, impulsada pola deputada do BNG Carme Adán en forma de proposición non de lei, ten como o obxectivo instar ao Goberno da Xunta a tomar cartas neste asunto e esixir á empresa adxudicataria ATSA o mantemento das liñas que circulaban a principios deste ano no Val Miñor.
Neste sentido, Adán salienta que a mellora do servizo de transporte non reside exclusivamente nas empresas, senón que as institucións e, neste caso, a Dirección Xeral de Mobilidade así como os concellos de Val Miñor, teñen a responsabilidade de garantir un servizo de calidade e actuar para que así sexa.
O BNG aposta por adoptar medidas para incrementar o número de usuarios, en lugar de perxudicar a todos os veciños e veciñas cun recorte do servizo. Como propostas concretas, mellorar a diversificación do servizo e a adopción de convenios necesarios entre as empresas que realizan o transporte entre as localidades de Val Miñor e o Baixo Miño coas que o realizan en Vigo, explica Adan na iniciativa.
Entre as medidas posibles, o BNG tamén pon sobre a mesa a creación dun billete metropolitano que permita realizar transbordos entre diferentes liñas das mesmas ou de diferentes empresas que operen no ámbito da comarca de Vigo ou a creación de tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes ou persoas xubilidas, explica Carme Adán.
Aforro para as familias
A única opción que non lle vale ao BNG é a pasividade e incluso a complicidade do Goberno galego, que parece dar por asumible os argumentos da empresa de falta de usuarios, cando o que hai que facer e medidas para aumentalos e non perxudicar o servizo. Estamos nun momento en que o lóxico é potenciar o transporte público para contribuír a redución de gasto en desprazamento das persoas e das economías familiares, conclúe Adán.