ANTE O ANUNCIO DA AMPLIACIÓN DO COMEDOR ESCOLAR DO SERRA-VINCIOS

O BNG lembra a Xunta e Concello que as melloras necesarias nos centros de ensino de Gondomar son moitas e levan anos sen ser atendidas

PlenoXuño2021
PlenoXuño2021

No pleno de xuño, nin o PSOE de Paco Ferreira nin o PP de Paula Bouzós apoiaron a moción do BNG que instaba a realizar melloras demandadas pola comunidade educativa

O BNG lembra a Xunta e Concello que as melloras necesarias nos centros de ensino de Gondomar son moitas e levan anos sen ser atendidas

Gondomar, 20 de xuño de 2021.- Ante o anuncio da ampliación do comedor escolar do CEIP Serra-Vincios, o BNG lémbralle aos gobernos da Xunta e Concello que as melloras necesarias nos centros de ensino de Gondomar son moitas e que a maioría deberían ter sido acometidas con moita anterioridade.

Os catro colexios públicos e os dous institutos existentes no concello presentan necesidades de melloras reiteradamente reclamadas pola comunidade educativa, tanto de mantemento e conservación das infraestruturas como de dotación de novas instalacións non previstas na construción inicial dos centros.

A maioría desas melloras foron propostas polo BNG, a finais de 2020, como emendas aos orzamentos da Xunta para este ano 2021 e todas foron rexeitadas polo goberno de Feijóo. Outras teñen sido demandadas ao goberno local e tampouco foron atendidas.

No pleno de maio, o BNG presentou unha moción en que solicitaba trasladar unha relación desas necesidades aos gobernos de Gondomar e da Xunta de Galicia, instándoos a acometelas á maior brevidade para que a súa maior parte puidera estar executada para o inicio do vindeiro curso escolar.

Tamén  insistía o BNG na urxencia da  creación do Consello Escolar Municipal como organismo consultivo que reúna a representantes da comunidade educativa de Gondomar para establecer a súa necesaria interlocución co goberno municipal e a súa participación na toma de decisións que lles afectan.

A moción foi debatida no pleno de xuño e foi rexeitada polo voto en contra do grupo socialista co Alcalde á cabeza.

 

Relación de necesidades nos centros de Gondomar incluídas na moción do BNG

 

- CEP Neira Vilas – Peitieiros.

  • Pechado de pista cuberta, para utilización aínda con mal tempo.

  • Construción dun ximnasio ao non dispor o centro de espazo axeitado para impartir educación física.

 

- CEIP Serra – Vincios.

  • Ampliación do comedor, xa insuficiente antes dos protocolos Covid

 

- CEIP Souto – Donas.

  • Ampliación do comedor, xa insuficiente antes dos protocolos Covid

  • Cuberta para cubrir a distancia entre o comedor e os aseos

  • Cuberta no acceso desde o exterior até a segunda planta do colexio, que é unha das entradas habilitadas para parte do alumnado en cumprimento dos protocolos Covid

 

- CEIP Chano Piñeiro – Gondomar

  • Arranxo do muro do acceso ao centro por perigo de desprendementos, sobre todo para quen vai a pé.

  • Cuberta das pistas para o seu uso polo alumnado de infantil

  • Cuberta do acceso ao colexio desde a zona onde aparcan os autobuses.

 

- IES Terra de Turonio – Gondomar

  • Mellora, ampliación e sinalización máis completa dos aparcadoiros de autobuses e particulares e do reservado a persoal do centro, eliminando o funil de entrada desde a estrada Gondomar-Vilaza.

  • Resolución da problemática da canceira por razóns de salubridade e para a eliminación de ruídos polos ladridos dos cans.

 

- IES Auga da Laxe – Gondomar

  • Arranxo valado de entrada, deteriorado desde a remodelación do aparcadoiro municipal que está pegado.

  • Cambio de cuberta do IES que segue a meter auga a pesar do parches feitos con anterioridade.

 

- IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe

  • Arranxo e iluminación da escaleira que comunica os aparcadoiros dos dous IES, e do seu entorno, para mellorar este acceso do alumnado aos aparcadoiros de autobuses e, no caso do IES Terra de Turonio, ao pavillón municipal onde realizan a materia de educación física.

O BNG lembra a Xunta e Concello que as melloras necesarias nos centros de ensino de Gondomar son moitas e levan anos sen ser atendidas